O pasado 23 de abril o alumnado de 6ºA quixo conmemorar o Día do Libro compartindo lecturas con distintas titorías do colexio que eles/as elixiron libremente. Fixeron unha actividade que botabamos moito de menos. Moitas grazas a todos/as pola iniciativa e agardamos podela repetir con outros cursos.
No blog de 6º A tamén hai unha entrada da actividade, aquí tedes o enlace DÍA DO LIBRO
Aproveitando o Obradoiro de Regueifa que recibiu o alumnado a pasada semana, moitos deles/as animáronse a facer as súas rimas relacionadas co libro, a lectura ou a biblioteca. Para a proposta, grazas a Lupe, Josiño e a Rabela, dabámoslles unhas palabras clave (verdura-lectura), un verso (Estamos na biblioteca) ou distintas palabras que tiñan que aparecer na regueifa na orde que quixeran (conto, libro,..). Tamén tiñan a opción de facelas libremente. Foi un magnífico e divertido exercicio para traballar a oralidade, coñecer e practicar as regueifas, e darlle valor ao noso e ao mundo da lecturas.
Ademais estamos elaborando un libro coas súas regueifas para engadir aos fondos da biblioteca e que poderán levar en préstamo. Longa vida á Regueifa e aos Libros. Moitas grazas a todos os participantes.
Hoxe asistimos co curso de 4ºC de primaria ao Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos, para a presentación da Semana Escolar dos Camiños de Santiago. Unha acción para o mundo escolar na que xa participamos fai dous cursos na súa primeira edición. Está promovida pola Xunta de Galicia dentro do programa O teu Xacobeo, e executada por Versátil Servizos Editoriais.
Con esta campaña proporanse unha serie de actividades, rexidas polo conto "Sucedeu no Camiño Primitivo" de Xose A. Perozo que recibiu de agasallo todo o alumnado de 4º, 5º e 6º.