viernes, 20 de diciembre de 2019

REVISTA EDUGA. LECTURAS NO CANMIÑO.

LECTURAS APOIADAS POR CANS.

O programa Biblioteca Inclusiva, integrado no PLAN LÍA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares, prevé a posta en marcha de actividades que propicien máis e mellores experiencias lectoras para o alumnado. Neste contexto naceu esta experiencia piloto, en colaboración coa entidade Golfo e Dama e o programa Xacobeo 2021. Durante o mes de outubro leváronse a cabo varias sesións na nosa biblioteca e aquí neste artigo podedes consultar algunhas das experiencias que vivimos: REVISTA EDUGA

jueves, 19 de diciembre de 2019

RECOMENDACIÓNS DE LECTURAS POLO NADAL.

Como todos os anos achegámosvos o noso Boletín de recomendacións de lecturas para o Nadal. Un libro sempre é un bo agasallo e lembrade que entre todos/as temos que fomentar un consumo responsable. Aproveitamos tamén para desexarvos a todas as familias unhas boas festas e un venturoso 2020.

martes, 17 de diciembre de 2019

CANCIÓN DE NADAL

Os peques de Infantil, un ano máis, cántanlle ao Nadal cunha fermosa canción de Xabarín & Xababanda.
Bo Nadal e feliz 2020!!



OBRADOIRO INFONADAL.

Onte os cursos de 5º de Infantil, 2º, 4º, 5º e 6º de primaria recibiron no colexio unha charla-obradoiro sobre consumo responsable no Nadal. Falouse das necesidades reais e non pedir demasiados agasallos, do poder da publicidade e as técnicas que empregan as empresas, dos códigos de seguridade dos xoguetes e os símbolos coas recomendacións das idades. Ademais realizaron nas clases por grupos (aos que lles dou tempo)  os seus carteis publicitarios. Esta actividade estivo organizada pola Escola Galega de Consumo e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia.






viernes, 13 de diciembre de 2019

CONTACONTOS CON IAGO LÓPEZ.

Esta mañán o alumnado de 1º e 2º de primaria asistiron a unha sesión de contacontos "Contos para levar no peto" a cargo de Iago López. Foron historias baseadas nas vivencias lectoras de Iago cando era pequeno, en especial de dous libros, "A osa Rosa" e "A marmota Carlota". Despois na clase, traballaron sobre o que máis lles gustara desas entrañables historias.





martes, 10 de diciembre de 2019

SEMANA ESCOLAR DO CAMIÑO DE SANTIAGO.

Os cursos de 5º e 6º de primaria levan unhas semanas traballando sobre a lectura "A Ecopanda e o misterio do románico" de Xosé A.Perozo e Viki Berre, publicado por Auga Editora. Esta iniciativa forma parte da Semana Escolar do Camiño de Santiago que promove O Teu Xacobeo. Ademais da lectura do libro e traballar coa proposta didáctica, remataron a actividade facendo uns magníficos murais sobre o valor e as experiencias do Camiño de Santiago.








lunes, 9 de diciembre de 2019

LIBRO-OBXECTO COLECTIVO A PROL DO MEDIO AMBIENTE.

O venres 25 de outubro celebrouse en Santiago de Compostela a xornada ¨Biblioteca Creativa. Comunidade e Cidadanía", na cal participou profesorado do noso centro. No obradoiro creativo que organizou o ilustrador Pablo Otero creouse un libro-obxecto colectivo a prol do medio ambiente para salientar os obxectivos da campaña #ODSéate a prol da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. Ao final esta iniciativa converteuse en viaxeira, aportando cada cole onde pare a exposición outra obra máis a prol do medio ambiente. Comezou a viaxe na EEI. Barrionovo de Arteixo e nós collemos o relevo aportando os nenos/as de 4ºB de Infantil o seu libro-obxecto "Pobre peixiño que tragou moitas cousas do fondo do mar". Confiamos en que esta iniciativa siga viaxando por outros colexios e seguir concienciando sobre este problema.

lunes, 25 de noviembre de 2019

BOLETÍN NOVIDADES 1º TRIMESTRE

Aquí tedes algúns dos fondos adquiridos para a nosa biblioteca.
Xa sabedes, están esperando que veñades por eles!!

25N.

Para traballar nas clases a lacra da Violencia de Xénero desde a Biblioteca preparouse unha bolsa con libros desta temática para cada nivel. Ademais decorouse a porta de entrada e puxemos dentro algúns murais para concienciar sobre este grave problema que nos atañe a todos/as. #ennegrocontraasviolencias #NonViolencia

lunes, 28 de octubre de 2019

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES.

O pasado día 24 de outubro quixemos celebrar o Día das Bibliotecas Escolares (este curso temos por lema "Biblioteca Escolar viveiro de cidadanía") coa xa clásica actividade de Lecturas de Medo. Cada neno/a apuntouse onde quixo e despois do recreo asistiu a escoitar aos mestres e mestras que encheron o colexio de maxia, terror, bruxas, barbudos, mortiñas,...

lunes, 21 de octubre de 2019

OBRADOIRO DE FOGUETES ESPACIAIS.

Este luns os nenos e nenas de 6º sentíronse por un momento astronautas e enxeñeiros/as aeroespacias, xa que, participaron nun obradoiro de construción de foguetes espaciais, grazas ao amigos de "Ciencia en ruta". Tiveron primeiro unha breve charla sobre a lei da gravidade, a lei de acción e reacción, naves espaciais,... e logo, xa se puxeron mans á obra para facer cada grupo o seu foguete espacial. Finalmente saímos ao patio para facelos despegar grazas a unha lanzadeira espacial. Como pasa na realidade, algunhas naves tiveron un feliz voo e outras non tanto. Aínda que o erro non estaba no fuselaxe se non que máis ben na lanzadeira. Quen sabe se algún ou algunha deles/as nos sorprende dentro duns anos dende o espazo.



 

miércoles, 16 de octubre de 2019

O ZAPATEIRO E A POMPA DE XABÓN. Mª JOSÉ GULÍN.

Esta mañán visitounos a nosa excompañeira e agora escritora Mª José Gulín que veu a presentarlle e contarlle, ao alumnado de 3º e 4º de primaria, o seu novo libro "O zapateiro e a pompa de xabón" na Editorial Bolanda. Unha nova aventura de Xermán e do seu avó que fixo as delicias dos nenos/as. Grazas Mª José.


lunes, 14 de octubre de 2019

LECTURAS NO CANMIÑO

        O noso centro foi seleccionado para participar nun proxecto piloto que leva por nome “LECTURAS NO CANMIÑO”. Esta proposta xurde da Dirección Xeral de Centros e RR.HH. en colaboración coa entidade Golfo e Dama. É unha iniciativa integrada no programa Biblioteca Inclusiva da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, destinada a favorecer experiencias de lectura apoiada con cans. Este programa ademais ten o patrocinio do Xacobeo 2021. 
        O programa consiste nunha lectura apoiada por un can (co-terapeuta canino Brus) da man da Psicóloga e Técnica en Intervención Asistidas por Cans, Marta Jaquet Santamarina, para mellorar as competencias de lectura e escritura do alumnado. 
       As distintas sesións estanse levando a cabo na biblioteca durante os xoves do mes de outubro e está resultando unha experiencia moi enriquecedora.



 

viernes, 4 de octubre de 2019

A BIBLIO VOLVE A ESTAR DE ESTREA.

O martes 1 volvimos a abrir a biblioteca despois dunha nova reforma que se acometeu no verán. Tras a construción do aulario novo de infantil, e grazas á colaboración do Concello, conseguimos aumentar a biblioteca collendo a aula de infantil que estaba pegada. Unha demanda que levabamos tempo reclamando pero por mor da falta de espazos non se podía levar a cabo. Aínda queda bastante traballo para deixala lista de todo pero ante a demanda continua dos nenos/as para estar na biblio decidimos abrila. Esperamos que pouco a pouco e coa colaboración de todos/as poidamos en breve empregala ao 100%.




jueves, 20 de junio de 2019

FESTA COLABORADOR@S.

O martes fixémoslle a festa despedida ao noso ben máis preciado, os colaborador@s. Este curso bateron todos os records presentándose 70 voluntarios/as que nos axudaron na posta en marcha da biblio e no día a día durante os recreos. A merenda foi moi saudable con froita fresca, froitos secos e queixo do que non quedou nada. Tamén recibiron o diploma e un agasallo. para os de 6º que marchan esperamos que sigan colaborando coas bibliotecas dos IES aos que vaian e toda a sorte do mundo. Aos de 5º contamos que repitan para o vindeiro curso e animen aos de cuarto para iniciarse nesta colaboración. Grazas a todos/as.
* Tamén un agradecemento a todos os profesores/as do equipo de biblioteca.



martes, 18 de junio de 2019

TELEXORNAL 3R.


Como remate do proxecto dos 3R co que traballamos este curso "Que non che dea preguiza: reduce, recicla e reutiliza" elaboramos entre todas as titorías e especialidades un "Telexornal". Neste informativo pretendimos expoñer parte do traballado en canto aos plásticos, papeis, vidros e RAEEs. Tamén como traballo de concienciación e da importancia de coidar o medio ambiente. Agradecer a todos/as a súa participación e en especial a María Lorenzo que foi a encargada do ardúo traballo de postprodución.



lunes, 17 de junio de 2019

PADRIÑOS E MADRIÑAS.


O pasado venres 14 poidemos levar a cabo a actividade dos Padriños e Madriñas lectores que tiñamos programado para o día 5 de xuño (Día do Medio Ambiente) e que tivemos que adiar por mor da chuvia. Despois da lectura os padriños/madriñas cos seus afillados/as fixeron unha recollida de lixo polos patios do colexio co fin de conciencialos na importancia do coidado do medio ambiente comezando polo entorno máis próximo. Esta actividade organizouse coa colaboración do Equipo de Convivencia.



domingo, 9 de junio de 2019

BOLETÍN RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN

Un curso máis, aquí vos deixamos as recomendacións de Abadiño para gozar dunhas lecturas ao sol lembrando e profundizando sobre o proxecto dos 3R traballado durante os últimos meses.


CUESTIONARIOS AVALIACIÓN

Aquí tedes os enlaces para cubrir as enquisas (clicar no nome) que dende o equipo de biblioteca elaboramos para axudar a mellorar a nosa biblioteca de cara ao curso que ven.

Temos 3 tipos de enquisas, unha para o profesorado, outra para o alumnado e outra para as familias.

Moitas grazas de antemán pola vosa colaboración.


PROFESORADO




ALUMNADO





FAMILIAS





viernes, 7 de junio de 2019

BOLETÍN NOVIDADES XANEIRO- MAIO 19.

Achegamos o boletín de novidades de xaneiro a maio do 2019. Aínda que quedan moitos fondos máis esperando por vós na biblio.


jueves, 6 de junio de 2019

3º PREMIO EDUCACOMPOSTELA..

O pasado mércores 29 de maio o director do colexio, Pepe Miguéns, recibiu da man do concelleiro Manuel Dios, o 3º premio da XI edición dos premios Educacompostela, organizados polo Departamento de Educación e Cidadanía e Nova Escola Galega, polo PDI "Santiago Medieval". Un proxecto que levamos a cabo durante dous cursos 16-17 e 17-18 e no que se volcou toda a comunidade educativa e moitas asociacións da cidade. Parabéns a todos/as os que participastes.

miércoles, 5 de junio de 2019

ENTREGA DE PREMIOS CONCURSO 3R.

Onte fíxose entrega na biblioteca dos premios do concurso de lema e mascota que puxeramos en marcha co proxecto dos 3R. Os gañadores foron Lois de 3º de primaria co seu lema "Que non che dea preguiza: reduce, recicla e reutiliza"; e Adriana de 5º de primaria coa mascota do polbo. Ademais varias clases tamén recibiron un agasallo pola súa alta participación. Parabéns aos gañadores e grazas a todos/as aos que participastes.

jueves, 16 de mayo de 2019

XOGO DE FUGA PARA CONMEMORAR AS LETRAS GALEGAS.

Durante estes días o alumnado de 5º e 6º de primaria participou nun Xogo de Fuga ou "Escape room" organizado pola biblioteca e que tiña como eixe principal as Letras Galegas. No colexio había un virus que estaba afectando a todos os alumnos/as e profesores/as. A biblioteca era a única zona sen contaminar e cada equipo tiña que descubrir un número que daba acceso ao código para abrir o candado e coller a vacina que salvaría ao resto da comunidade educativa, e a chave para saír da Biblioteca. Pasámolo xenial e funcionou o traballo en equipo.

martes, 7 de mayo de 2019

Encontro con Xavier Estévez e Kibuko

Hoxe o alumnado de 5º de primaria tivo un encontro co escritor Xavier Estévez, autor de "Kibuko" da Ed. Oqueleo. Libro moi entretido que estiveron lendo durante este curso e que suscitou moitas preguntas e curiosidades.

martes, 30 de abril de 2019

Reto "Planeta Limpio"

Estes días o alumnado de 3º a 6º de primaria está participando no colexio no reto "Planeta Limpio" que promove a Fundación Prosegur. O alumnado deben resolver o reto coa axuda duns robots Lego mentras desenvolven competencias coma a innovación, a creatividade e a iniciativa emprendedora. Seguimos enriquecendo o PDI dos "3 erres" e sobre todo reforzando a concienzación ambiental.