lunes, 28 de octubre de 2019

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES.

O pasado día 24 de outubro quixemos celebrar o Día das Bibliotecas Escolares (este curso temos por lema "Biblioteca Escolar viveiro de cidadanía") coa xa clásica actividade de Lecturas de Medo. Cada neno/a apuntouse onde quixo e despois do recreo asistiu a escoitar aos mestres e mestras que encheron o colexio de maxia, terror, bruxas, barbudos, mortiñas,...

lunes, 21 de octubre de 2019

OBRADOIRO DE FOGUETES ESPACIAIS.

Este luns os nenos e nenas de 6º sentíronse por un momento astronautas e enxeñeiros/as aeroespacias, xa que, participaron nun obradoiro de construción de foguetes espaciais, grazas ao amigos de "Ciencia en ruta". Tiveron primeiro unha breve charla sobre a lei da gravidade, a lei de acción e reacción, naves espaciais,... e logo, xa se puxeron mans á obra para facer cada grupo o seu foguete espacial. Finalmente saímos ao patio para facelos despegar grazas a unha lanzadeira espacial. Como pasa na realidade, algunhas naves tiveron un feliz voo e outras non tanto. Aínda que o erro non estaba no fuselaxe se non que máis ben na lanzadeira. Quen sabe se algún ou algunha deles/as nos sorprende dentro duns anos dende o espazo.



 

miércoles, 16 de octubre de 2019

O ZAPATEIRO E A POMPA DE XABÓN. Mª JOSÉ GULÍN.

Esta mañán visitounos a nosa excompañeira e agora escritora Mª José Gulín que veu a presentarlle e contarlle, ao alumnado de 3º e 4º de primaria, o seu novo libro "O zapateiro e a pompa de xabón" na Editorial Bolanda. Unha nova aventura de Xermán e do seu avó que fixo as delicias dos nenos/as. Grazas Mª José.


lunes, 14 de octubre de 2019

LECTURAS NO CANMIÑO

        O noso centro foi seleccionado para participar nun proxecto piloto que leva por nome “LECTURAS NO CANMIÑO”. Esta proposta xurde da Dirección Xeral de Centros e RR.HH. en colaboración coa entidade Golfo e Dama. É unha iniciativa integrada no programa Biblioteca Inclusiva da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, destinada a favorecer experiencias de lectura apoiada con cans. Este programa ademais ten o patrocinio do Xacobeo 2021. 
        O programa consiste nunha lectura apoiada por un can (co-terapeuta canino Brus) da man da Psicóloga e Técnica en Intervención Asistidas por Cans, Marta Jaquet Santamarina, para mellorar as competencias de lectura e escritura do alumnado. 
       As distintas sesións estanse levando a cabo na biblioteca durante os xoves do mes de outubro e está resultando unha experiencia moi enriquecedora.



 

viernes, 4 de octubre de 2019

A BIBLIO VOLVE A ESTAR DE ESTREA.

O martes 1 volvimos a abrir a biblioteca despois dunha nova reforma que se acometeu no verán. Tras a construción do aulario novo de infantil, e grazas á colaboración do Concello, conseguimos aumentar a biblioteca collendo a aula de infantil que estaba pegada. Unha demanda que levabamos tempo reclamando pero por mor da falta de espazos non se podía levar a cabo. Aínda queda bastante traballo para deixala lista de todo pero ante a demanda continua dos nenos/as para estar na biblio decidimos abrila. Esperamos que pouco a pouco e coa colaboración de todos/as poidamos en breve empregala ao 100%.