viernes, 14 de febrero de 2020

DÍA MUNDIAL DA RADIO. ESTRENO RADIO "EN CLAVE DE LAMAS".


No ano 2013 a ONU aprobou a declaración da UNESCO o Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser o día da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946. Este ano celébrase co lema: "Pluralismo, representación e diversidade" xa que a radio é un medio de comunicación único para celebrar a diversidade humana e constitúe unha plataforma para o discurso democrático. Un lema en sintonía co das bibliotecas escolares para este curso "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía" e do valor inclusivo do programa Radio na Biblio.
        Desde o colexio eliximos esta data para inaugurar "oficilamente a nosa radio "En clave de Lamas". Durante a Hora de Ler escoitouse nas aulas a primeira gravación: unha presentación e un audio-conto con nenos/as de 6º. Para poder escoitar as gravacións tedes que aceder a blog: https://enclavedelamas.blogspot.com

Tamén podedes acceder dende a páxina do cole: http://www.edu.xunta.gal/centros/ceiplamasabade

Aproveitamos este día para entregar os premios do concurso de logos para a radio. As gañadoras foron Irene López e daniela Gianzo de 5º de primaria. Agradecemos a todos/as os que participastedes.








miércoles, 12 de febrero de 2020

PRESENTACIÓN LIBRO.

Hoxe tivemos un evento moi especial na biblioteca. Alba e Mencía de 5º de primaria fixeron a presentación do seu libro: "La Muñeca". Unha primeira entrega da que esperamos sexa unha exitosa saga. Unha terrorífica novela que xa forma parte dos fondos da biblioteca. Moitas grazas a estas prometedoras escritoras e ao seu profesor Mario, por axudalas na creación da novela e na presentación.






miércoles, 5 de febrero de 2020

LECTURAS COMPARTIDAS DO IES.

Esta mañán o alumnado de Infantil recibiu unha grata visita. O alumnado de 1º de ESO do IES. Lamas de Abade (na maior parte exalumnos/as nosos) viñeron ao colexio a contarlle uns contos aos máis pequenos/as. Por grupos foron pasando polas aulas a contarlle "O coelliño branco", "O casamento do piollo e a pulga" ou "O gaiteiro". Unha experiencia moi positiva para todos/as que esperemos se volva a repetir. Moitas grazas ao alumnado do IES e as súas profesoras pola iniciativa.






viernes, 24 de enero de 2020

RADIO EN CLAVE DE LAMAS.

Este curso entramos no programa de "Radio na Biblio" que promove a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Ao logo do curso comezamos a dar algúns pasiños para ter o noso estudo e esperamos poder emitir en breve os nosos primeiros programas e "podcast".
De momento xa temos o nome "En clave de Lamas" e o Logo; grazas a Irene López de 5º que gañou o concurso de ideas para a radio. Tamén Daniela Gianzo de 5º obtivo un accésit polo "mellor cartel promocional". Agradecer aos demais finalistas e a todos e todas os que participastes no concurso.







lunes, 20 de enero de 2020

ESTREO RECUNCHO CIENCIA.

Esta mañá, durante o recreo, Ánxela e Noa de 5º de primaria estrearon o recuncho de ciencia que habilitamos na biblioteca, cunha charla-exposición sobre o corpo humano. Foi dirixida para os alumnos/as de 1º de primaria que quedaron encantados coas explicacións e con poder desentrañar as distintas partes da cabeza. Grazas a Ánxela e Noa pola súa exposición e esperemos que este recuncho (aínda que non estea ulrtimado de todo) vaia sendo un lugar de moitas vivencias.

 

viernes, 20 de diciembre de 2019

REVISTA EDUGA. LECTURAS NO CANMIÑO.

LECTURAS APOIADAS POR CANS.

O programa Biblioteca Inclusiva, integrado no PLAN LÍA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares, prevé a posta en marcha de actividades que propicien máis e mellores experiencias lectoras para o alumnado. Neste contexto naceu esta experiencia piloto, en colaboración coa entidade Golfo e Dama e o programa Xacobeo 2021. Durante o mes de outubro leváronse a cabo varias sesións na nosa biblioteca e aquí neste artigo podedes consultar algunhas das experiencias que vivimos: REVISTA EDUGA

jueves, 19 de diciembre de 2019

RECOMENDACIÓNS DE LECTURAS POLO NADAL.

Como todos os anos achegámosvos o noso Boletín de recomendacións de lecturas para o Nadal. Un libro sempre é un bo agasallo e lembrade que entre todos/as temos que fomentar un consumo responsable. Aproveitamos tamén para desexarvos a todas as familias unhas boas festas e un venturoso 2020.

martes, 17 de diciembre de 2019

CANCIÓN DE NADAL

Os peques de Infantil, un ano máis, cántanlle ao Nadal cunha fermosa canción de Xabarín & Xababanda.
Bo Nadal e feliz 2020!!



OBRADOIRO INFONADAL.

Onte os cursos de 5º de Infantil, 2º, 4º, 5º e 6º de primaria recibiron no colexio unha charla-obradoiro sobre consumo responsable no Nadal. Falouse das necesidades reais e non pedir demasiados agasallos, do poder da publicidade e as técnicas que empregan as empresas, dos códigos de seguridade dos xoguetes e os símbolos coas recomendacións das idades. Ademais realizaron nas clases por grupos (aos que lles dou tempo)  os seus carteis publicitarios. Esta actividade estivo organizada pola Escola Galega de Consumo e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia.






viernes, 13 de diciembre de 2019

CONTACONTOS CON IAGO LÓPEZ.

Esta mañán o alumnado de 1º e 2º de primaria asistiron a unha sesión de contacontos "Contos para levar no peto" a cargo de Iago López. Foron historias baseadas nas vivencias lectoras de Iago cando era pequeno, en especial de dous libros, "A osa Rosa" e "A marmota Carlota". Despois na clase, traballaron sobre o que máis lles gustara desas entrañables historias.





martes, 10 de diciembre de 2019

SEMANA ESCOLAR DO CAMIÑO DE SANTIAGO.

Os cursos de 5º e 6º de primaria levan unhas semanas traballando sobre a lectura "A Ecopanda e o misterio do románico" de Xosé A.Perozo e Viki Berre, publicado por Auga Editora. Esta iniciativa forma parte da Semana Escolar do Camiño de Santiago que promove O Teu Xacobeo. Ademais da lectura do libro e traballar coa proposta didáctica, remataron a actividade facendo uns magníficos murais sobre o valor e as experiencias do Camiño de Santiago.








lunes, 9 de diciembre de 2019

LIBRO-OBXECTO COLECTIVO A PROL DO MEDIO AMBIENTE.

O venres 25 de outubro celebrouse en Santiago de Compostela a xornada ¨Biblioteca Creativa. Comunidade e Cidadanía", na cal participou profesorado do noso centro. No obradoiro creativo que organizou o ilustrador Pablo Otero creouse un libro-obxecto colectivo a prol do medio ambiente para salientar os obxectivos da campaña #ODSéate a prol da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. Ao final esta iniciativa converteuse en viaxeira, aportando cada cole onde pare a exposición outra obra máis a prol do medio ambiente. Comezou a viaxe na EEI. Barrionovo de Arteixo e nós collemos o relevo aportando os nenos/as de 4ºB de Infantil o seu libro-obxecto "Pobre peixiño que tragou moitas cousas do fondo do mar". Confiamos en que esta iniciativa siga viaxando por outros colexios e seguir concienciando sobre este problema.

lunes, 25 de noviembre de 2019

BOLETÍN NOVIDADES 1º TRIMESTRE

Aquí tedes algúns dos fondos adquiridos para a nosa biblioteca.
Xa sabedes, están esperando que veñades por eles!!

25N.

Para traballar nas clases a lacra da Violencia de Xénero desde a Biblioteca preparouse unha bolsa con libros desta temática para cada nivel. Ademais decorouse a porta de entrada e puxemos dentro algúns murais para concienciar sobre este grave problema que nos atañe a todos/as. #ennegrocontraasviolencias #NonViolencia

lunes, 28 de octubre de 2019

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES.

O pasado día 24 de outubro quixemos celebrar o Día das Bibliotecas Escolares (este curso temos por lema "Biblioteca Escolar viveiro de cidadanía") coa xa clásica actividade de Lecturas de Medo. Cada neno/a apuntouse onde quixo e despois do recreo asistiu a escoitar aos mestres e mestras que encheron o colexio de maxia, terror, bruxas, barbudos, mortiñas,...

lunes, 21 de octubre de 2019

OBRADOIRO DE FOGUETES ESPACIAIS.

Este luns os nenos e nenas de 6º sentíronse por un momento astronautas e enxeñeiros/as aeroespacias, xa que, participaron nun obradoiro de construción de foguetes espaciais, grazas ao amigos de "Ciencia en ruta". Tiveron primeiro unha breve charla sobre a lei da gravidade, a lei de acción e reacción, naves espaciais,... e logo, xa se puxeron mans á obra para facer cada grupo o seu foguete espacial. Finalmente saímos ao patio para facelos despegar grazas a unha lanzadeira espacial. Como pasa na realidade, algunhas naves tiveron un feliz voo e outras non tanto. Aínda que o erro non estaba no fuselaxe se non que máis ben na lanzadeira. Quen sabe se algún ou algunha deles/as nos sorprende dentro duns anos dende o espazo.



 

miércoles, 16 de octubre de 2019

O ZAPATEIRO E A POMPA DE XABÓN. Mª JOSÉ GULÍN.

Esta mañán visitounos a nosa excompañeira e agora escritora Mª José Gulín que veu a presentarlle e contarlle, ao alumnado de 3º e 4º de primaria, o seu novo libro "O zapateiro e a pompa de xabón" na Editorial Bolanda. Unha nova aventura de Xermán e do seu avó que fixo as delicias dos nenos/as. Grazas Mª José.


lunes, 14 de octubre de 2019

LECTURAS NO CANMIÑO

        O noso centro foi seleccionado para participar nun proxecto piloto que leva por nome “LECTURAS NO CANMIÑO”. Esta proposta xurde da Dirección Xeral de Centros e RR.HH. en colaboración coa entidade Golfo e Dama. É unha iniciativa integrada no programa Biblioteca Inclusiva da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, destinada a favorecer experiencias de lectura apoiada con cans. Este programa ademais ten o patrocinio do Xacobeo 2021. 
        O programa consiste nunha lectura apoiada por un can (co-terapeuta canino Brus) da man da Psicóloga e Técnica en Intervención Asistidas por Cans, Marta Jaquet Santamarina, para mellorar as competencias de lectura e escritura do alumnado. 
       As distintas sesións estanse levando a cabo na biblioteca durante os xoves do mes de outubro e está resultando unha experiencia moi enriquecedora.