lunes, 20 de junio de 2022

PDI "Hábitos de vida saudable".

Tras dous cursos traballando sobre os retos dos Hábitos de vida Saudable, con sobresaltos e pausas debido á pandemia e protocolos, damos por finalizado o PDI. Nesta Genial.ly feito pola profe Marta recompílanse moitos dos traballos que se fixeron arredor dos retos. Tampouco están todos por distintas circunstancias, aínda que non quere dicir que desde os distintos niveis non se traballase. Grazas a todo o profesorado e alumnado polo traballo e as propostas e agora so nos queda conseguir superar os retos en beneficio da nosa sáude e benestar.

 


sábado, 18 de junio de 2022

BOLETÍN RECOMENDACIÓNS LECTURA VERÁN 2022

 A piques de rematar este curso e, despois de traballar o PDI: "Hábitos saudables", Abadiño propónnos un novo reto no que nos pide que non esquezamos un  hábito tan saudable como é o da lectura.

Aquí vos deixamos as nosas recomendacións de cara ao verán. Esperamos que sean do voso agrado.

jueves, 16 de junio de 2022

FESTA COLABORADORES/AS.

Por fin este ano puidemos facerlle a festa aos colaboradores/as da biblioteca que nos axudaron durante este curso. Debido ás restricións so se puido ofertar ao alumnado de 6º de primaria. Seguen sendo o activo máis potente da Biblioteca e estámoslles moi agradecidos.

Grazas á profe Marta, e ao resto de profes que colaboraron, por preparar unha merenda tan saudable e tan apetitosa.







domingo, 12 de junio de 2022

EXPOSICIÓN CON MATERIAL DE REFUGALLO "LANDIATODO".

    O alumnado de 1º de primaria acaba de montar unha exposición na Biblioteca coas súas creacións feitas a partir de material de refugallo. Forma parte do PDI sobre Hábitos de Vida Saúdable que traballaron durante este curso. Ademais con esta acción queren dar visibilidade á Campaña do Concello sobre a  Axenda Urbana 2030 e participar no Concurso "A Compostela que quero". Xa so con todo o que traballaron son os nosos gañadores/as.


 


sábado, 4 de junio de 2022

PROXECTO "CÓNTAME UN CONTO".

     Durante este curso o alumnado de 4º de primaria participou nun proxecto piloto que leva por título "Cóntame un conto". É un proxecto educativo impulsado polo Museo do Pobo Galego e pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas que promove a actividade de contar contos tradicionais galegos entre os escolares. O proxecto buscaba aproveitar as posibilidades educativas deste recurso, promover o coñecemento da literatura popular galega de transmisión oral e incorporar a tradición oral de contar contos ás actividades públicas dos centros escolares.

   Tanto o profesorado coma o alumnado traballaron arreo e non podemos estar máis fachendosos deles porque o resultado final foi espectacular. Esta semana no Teatro Principal celebrouse a gala do 1º Certame do proxecto xunto co resto dos centros participantes na que algúns dos nosos alumnos/as subiron ao escenario a facer a súa contada.

    Durante os recreos desta semana do 6 ao 10 de xuño todo o alumnado que queira (respectando as quendas de recreo) poderá asistir ás contadas coas que nos van a agasallar os alumnos/as de 4º A e 4º C.

No seguinte enlace podedes ver os vídeos do noso alumnado:

CONTADAS "CÓNTAME UN CONTO"

    Na páxina do Museo do Pobo Galego tamén podedes ver o desenvolvemento do proxecto.

MÚSEO DO POBO GALEGO.

 

               

miércoles, 27 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO: HORA DE LER NO PATIO

 O luns día 25, co gallo da celebración do Día do Libro e, aproveitando o  bo tempo levamos a cabo unha das actividades que máis nos gusta a "Hora de ler no patio".

Foi un bo momento para gozar da natureza e dunha boa lectura.


sábado, 23 de abril de 2022

BRAVAS: OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN FEMINISTA. ROSALÍA DE CASTRO

 O xoves, día 21 de abril, o alumnado de 5º de Primaria participou na actividade: "Bravas: Obradoiro de ilustración feminista. Rosalía de Castro".

O obradoiro correu a cargo de Sara Alonso e, a ilustradora, Eva Agra.

Eva Agra, tamén coñecida co alcume de Komorebi, é a ilustadora da colección de libros infantís: "Mulleres bravas da nosa historia", baseados nas biografías de mulleres galegas que destacaron ao longo da nosa historia.

A temática deste obradoiro desenvolveuse arredor de catro eixes:
  • Rosalía de Castro como figura importante da nosa literatura e tamén como muller adiantada a súa época, sobre todo no tema referido ao feminismo.
  • Reflexión, a través da análise de varias ilustracións da figura de Rosalía realizadas por diferentes autores, sobre cal é o obxectivo e a intención das ilustracións.
  • Aspectos que debe conter unha ilustración para que esta sexa feminista.
  • "Como imaxinas ti a Rosalía de Castro na nosa época?": obradoiro de ilustración no que cada alumno/a fixo unha ilustración, que despois presentou aos seus compañeiros/as, relacionada co tema tratado.

Estas son algunhas das ideas que intentou plasmar o alumnado a través das súas ilustracións. Algunhas ideas son do máis orixinal!! Esperemos que vos gusten!


domingo, 17 de abril de 2022

SEMANA DA POESÍA 2022

 Do 21 ao 25 de marzo tivo lugar na biblioteca do centro, durante os recreos, un recital poético co gallo da celebración do Día Internacional da Poesía.

No recital participou tanto o profesorado como o alumnado de 6ºD.

Houbo actividades para todos os gustos: lectura e recitado de poesías, poesías na lingua de signos e... ata poemas musicados!

Aquí vos deixamos unha pequena presentación para que vos fagades unha idea de todo o acontecido durante esa semana e que ben o pasamos participando nesas actividades.