lunes, 30 de noviembre de 2015

ADEUS A XOSÉ NEIRA VILAS

O venres 27 de novembro espertamos coa mala nova do pasamento do escritor Xosé Neira Vilas, quen finou na súa casa de Gres, Vila de Cruces, á idade de 87 anos. Grande escritor e autor dun dos libros esenciais das nosas letras galegas "Memorias dun neno Labrego".

Título publicado orixinalmente no 1961 e que conta a historia de Balbino, un neno do rural da Galicia dun tempo pasado,  que foi e seguirá sendo unha lectura obrigada para o noso alumnado.
A obra máis vendida e traducida da literatura galega de tódolos tempos.

Alá onde estes Neira Vilas, de seguro que Balbino estará contigo. E aquí,  grazas á túa obra, sempre estarás con nós.



viernes, 27 de noviembre de 2015

XUNTOS POLA IGUALDADE DE XÉNERO

Como xa sabedes, o pasado mércores foi o Día Internacional contra a violencia de xénero. Todos os cursos do cole estivemos decorando unhas letras xigantes coas que reivindicar dalgún xeito que tod@s somos iguais e que non é preciso o uso da violencia para convivir homes e mulleres.

A frase sobre a que traballamos foi "FAI UN BO USO DAS TÚAS MANS", así como a palabra "NON". Cada curso as decorou aproveitando os materiais da nova aula de plástica.
Como non tivemos sorte o mércores co tempo, decidimos pospoñer ata hoxe a saída ao patio para recoller nunha foto este momento dos nenos e nenas do CEIP Lamas de Abade xuntos pola non violencia de xénero.

Aquí tedes algunhas instantáneas do momento.

miércoles, 25 de noviembre de 2015

25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe na biblioteca quixemos aproveitar o recreo para facer unha presentación en power point do conto "Artur e Clementina" da editorial Kalandraka. Unha historia de dúas tartarugas, na que se reivindica o rol feminino, se reflexan os estereotipos sexistas e se denuncia a discriminación.

O traballo preparouno o alumnado de 5º e 6º coa axuda da profe Raquel.
Tivemos tanto público esperando na porta que foi necesario facer dous pases.

Moitas grazas pola vosa colaboración rapaces.

viernes, 20 de noviembre de 2015

CONTA ATRÁS PARA O DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Un ano máis, dende a biblioteca non queremos deixar de traballar sobre esta situación que golpea a sociedade día tras día.

Montamos unhas bolsas para cada un dos niveis cunhas lecturas nas que as nenas que aparecen desempeñan un rol activo e protagonista, no que se liberan aos nenos e nenas dos roles de xénero máis estereotipado, nos que se condenan o maltrato e a violencia, textos nos que se fomenta a igualdade e a tolerancia.

Ao mesmo tempo, enviamos a todo o profesorado un documento adxunto cunha serie de enlaces con videos, cancións, diapositivas... para complementar o traballo de aula.