lunes, 20 de junio de 2022

PDI "Hábitos de vida saudable".

Tras dous cursos traballando sobre os retos dos Hábitos de vida Saudable, con sobresaltos e pausas debido á pandemia e protocolos, damos por finalizado o PDI. Nesta Genial.ly feito pola profe Marta recompílanse moitos dos traballos que se fixeron arredor dos retos. Tampouco están todos por distintas circunstancias, aínda que non quere dicir que desde os distintos niveis non se traballase. Grazas a todo o profesorado e alumnado polo traballo e as propostas e agora so nos queda conseguir superar os retos en beneficio da nosa sáude e benestar.

 


sábado, 18 de junio de 2022

BOLETÍN RECOMENDACIÓNS LECTURA VERÁN 2022

 A piques de rematar este curso e, despois de traballar o PDI: "Hábitos saudables", Abadiño propónnos un novo reto no que nos pide que non esquezamos un  hábito tan saudable como é o da lectura.

Aquí vos deixamos as nosas recomendacións de cara ao verán. Esperamos que sean do voso agrado.

jueves, 16 de junio de 2022

FESTA COLABORADORES/AS.

Por fin este ano puidemos facerlle a festa aos colaboradores/as da biblioteca que nos axudaron durante este curso. Debido ás restricións so se puido ofertar ao alumnado de 6º de primaria. Seguen sendo o activo máis potente da Biblioteca e estámoslles moi agradecidos.

Grazas á profe Marta, e ao resto de profes que colaboraron, por preparar unha merenda tan saudable e tan apetitosa.







domingo, 12 de junio de 2022

EXPOSICIÓN CON MATERIAL DE REFUGALLO "LANDIATODO".

    O alumnado de 1º de primaria acaba de montar unha exposición na Biblioteca coas súas creacións feitas a partir de material de refugallo. Forma parte do PDI sobre Hábitos de Vida Saúdable que traballaron durante este curso. Ademais con esta acción queren dar visibilidade á Campaña do Concello sobre a  Axenda Urbana 2030 e participar no Concurso "A Compostela que quero". Xa so con todo o que traballaron son os nosos gañadores/as.


 


sábado, 4 de junio de 2022

PROXECTO "CÓNTAME UN CONTO".

     Durante este curso o alumnado de 4º de primaria participou nun proxecto piloto que leva por título "Cóntame un conto". É un proxecto educativo impulsado polo Museo do Pobo Galego e pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas que promove a actividade de contar contos tradicionais galegos entre os escolares. O proxecto buscaba aproveitar as posibilidades educativas deste recurso, promover o coñecemento da literatura popular galega de transmisión oral e incorporar a tradición oral de contar contos ás actividades públicas dos centros escolares.

   Tanto o profesorado coma o alumnado traballaron arreo e non podemos estar máis fachendosos deles porque o resultado final foi espectacular. Esta semana no Teatro Principal celebrouse a gala do 1º Certame do proxecto xunto co resto dos centros participantes na que algúns dos nosos alumnos/as subiron ao escenario a facer a súa contada.

    Durante os recreos desta semana do 6 ao 10 de xuño todo o alumnado que queira (respectando as quendas de recreo) poderá asistir ás contadas coas que nos van a agasallar os alumnos/as de 4º A e 4º C.

No seguinte enlace podedes ver os vídeos do noso alumnado:

CONTADAS "CÓNTAME UN CONTO"

    Na páxina do Museo do Pobo Galego tamén podedes ver o desenvolvemento do proxecto.

MÚSEO DO POBO GALEGO.

 

               

miércoles, 27 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO: HORA DE LER NO PATIO

 O luns día 25, co gallo da celebración do Día do Libro e, aproveitando o  bo tempo levamos a cabo unha das actividades que máis nos gusta a "Hora de ler no patio".

Foi un bo momento para gozar da natureza e dunha boa lectura.


sábado, 23 de abril de 2022

BRAVAS: OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN FEMINISTA. ROSALÍA DE CASTRO

 O xoves, día 21 de abril, o alumnado de 5º de Primaria participou na actividade: "Bravas: Obradoiro de ilustración feminista. Rosalía de Castro".

O obradoiro correu a cargo de Sara Alonso e, a ilustradora, Eva Agra.

Eva Agra, tamén coñecida co alcume de Komorebi, é a ilustadora da colección de libros infantís: "Mulleres bravas da nosa historia", baseados nas biografías de mulleres galegas que destacaron ao longo da nosa historia.

A temática deste obradoiro desenvolveuse arredor de catro eixes:
  • Rosalía de Castro como figura importante da nosa literatura e tamén como muller adiantada a súa época, sobre todo no tema referido ao feminismo.
  • Reflexión, a través da análise de varias ilustracións da figura de Rosalía realizadas por diferentes autores, sobre cal é o obxectivo e a intención das ilustracións.
  • Aspectos que debe conter unha ilustración para que esta sexa feminista.
  • "Como imaxinas ti a Rosalía de Castro na nosa época?": obradoiro de ilustración no que cada alumno/a fixo unha ilustración, que despois presentou aos seus compañeiros/as, relacionada co tema tratado.

Estas son algunhas das ideas que intentou plasmar o alumnado a través das súas ilustracións. Algunhas ideas son do máis orixinal!! Esperemos que vos gusten!


domingo, 17 de abril de 2022

SEMANA DA POESÍA 2022

 Do 21 ao 25 de marzo tivo lugar na biblioteca do centro, durante os recreos, un recital poético co gallo da celebración do Día Internacional da Poesía.

No recital participou tanto o profesorado como o alumnado de 6ºD.

Houbo actividades para todos os gustos: lectura e recitado de poesías, poesías na lingua de signos e... ata poemas musicados!

Aquí vos deixamos unha pequena presentación para que vos fagades unha idea de todo o acontecido durante esa semana e que ben o pasamos participando nesas actividades.



sábado, 26 de marzo de 2022

QUE XOGO VOS GUSTARÍA GAÑAR?

 Como xa sabedes un dos premios do "I CERTAME DE CHIMPAPOESÍA"  é un xogo de mesa.

Aquí vos deixamos unha presentación de varios xogos para que vaiades elixindo o que máis vos gusta.

Preme enriba de cada idade e despois en cada un deles para poder velos.

domingo, 20 de marzo de 2022

1º CERTAME DE CHIMPAPOESÍA

Seguindo  coa campaña de "Mobilíate pola Selva" e co gallo da celebración o 21 de marzo do Día Internacional da Poesía o alumnado de 6º de primaria convoca o "I CERTAME DE CHIMPAPOESÍA" dirixido ao alumnado de Ed. Infantil, todos os niveis de Primaria e 1º e 2º da ESO do IES Lamas de Abade.
Aquí vos deixamos as bases deste certame.
Animádevos a participar!!

RECITAL DE POESÍA NA BIBLIOTECA


Co gallo da celebración do Día Internacional da Poesía na semana do 21 ao 25 de marzo, durante os recreos terá lugar, na biblioteca do centro un recital de poesía a cargo do profesorado e o alumnado de 4ºC e 6ºD.

Aquí vos deixamos o programa.







viernes, 18 de marzo de 2022

O ALUMNADO DE 4 ANOS A SÚMASE Á CAMPAÑA "MOBILÍZATE POLA SELVA"

 Os nenos e nenas de 4 anos A estos días andan a traballar os animais que viven en África. Un dos animais  sobre os que falaron e investigaron foron os chimpancés, polo que, tamén se quixeron sumar á campaña "Mobilízate pola Selva" do alumnado de 6º de primaria.

Mirade de que forma máis orixinal nos animan a colaborar con esta iniciativa!!

Os nosos parabéns por este fermoso traballo.



miércoles, 16 de marzo de 2022

A CAMPAÑA "MOBILÍZATE POLA SELVA" INICIADA POLO ALUMNADO DE 6º CHEGA Á PRENSA E Á TVG.

A campaña "Mobilízate pola selva" iniciada polo alumnado de 6º de primaria chega á prensa. 

O xornal "La Voz de Galicia" publicou, na súa edición de hoxe, un interesante artigo sobre a campaña que está a desenvolver este alumnado. 



Esta actividade está relacionada co reto número 8: "Lecer e benestar social: adiccións: uso responsable de tablets, ordenadores, coidado da vista..." do proxecto documentado integrado: "Hábitos saudables" que estamos a desenvolver.

Aquí tesdes o enlace a este artigo por se estades interesados en lelo.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2022/03/16/xa-temos-suficiente-apadrinar-11-chimpances/0003_202203S16C4991.htm

Tamén o programa "Fun polo Aire" da TVG emitiu o pasado mércores 23 de marzo unha reportaxe sobre esta iniciativa do alumnado de 6º de primaria e no que está involucrándose toda a comunidade educativa. Podédelo ver a partir do minuto 48 e 52 segundos no seguinte enlace:

FUN POLO AIRE DA TVG 

Este alumnado, ademais de recoller móbiles e tablets, escribiu unha pequena obra de teatro "Historia de Wounda"  que teñen pensado representar polas diferentes aulas do centro co fin de concienciar ao resto do alumnado sobre a importancia de protexer e recuperar certos hábitats que están sendo ameazados como é o caso desta selva do Congo.




miércoles, 9 de marzo de 2022

A PEQUENA WOUNDA. SEGUIMOS "MOBILIZÁNDONOS POLA SELVA".

MOBILIZÁNDOSE POLA SELVA.

O C.E.I.P Lamas de Abade segue coa recollida de móbiles e tablets temporal, principalmente ata o 18 de marzo. O alumnado de 6ºB segue coa campaña e quedan poucos días. Redactaron este comunicado para a comunidade educativa.

PARA QUE O FACEMOS?

Facémolo para reciclar os compoñentes electrónicos derivados do coltán e  conseguir fondos para o Instituto Jane Goodall e o centro de rehabilitación de Tchimpouga.

Neste centro hai máis de 150 chimpancés refuxiados, que coidan experimentados coidadores.

Tamén colaboramos cos programas de investigación e conservación de chimpancés salvaxes do IJG en Senegal, incluíndo proxectos de reforestación e uso sostible dos recursos naturais.

No da República Democrática do Congo axudamos a financiar proxectos educativos para nenos e nenas con dificultades.

Neste intre xa temos máis de 300 móbiles, é dicir, apadriñaremos a máis de 10 chimpancés se seguimos con esta dinámica. Animamos a todos os que nos lean para que participen connosco.

O alumnado segue representando este conto de "A pequena Wounda" para darlle visibilidade a súa campaña "Mobilízate pola Selva" que remata o vindeiro 18 de marzo. Aínda estades a tempo de traer os vosos móbiles e tablets vellos.





martes, 22 de febrero de 2022

ROSALÍA DE CASTRO NA LINGUA DE SIGNOS

 Co gallo da celebración do Día de Rosalía de Castro o alumnado de 4ºB de Primaria adaptou o poema de Rosalía de Castro: "Tal coma nas nubes" pertencente ao libro "Follas novas" á lingua de signos.

Parabéns por este marabilloso traballo!!!



Grazas á colaboración do alumnado e familias quedou totalmente sementado de pensamentos o mural da entrada do colexio.  Ademais cada titoría baixou a plantar un pensamento nas xardineiras da entrada do centro. 




viernes, 11 de febrero de 2022

MOBILÍZATE POLA SELVA

     "MOBILÍZATE POLA SELVA" é a campaña iniciada polo alumnado de 6º de Primaria do noso centro.

    O obxectivo principal desta campaña é colaborar co Instituto Jane Goodall na recollida de móbiles para axudar a unha selva do Congo que está sendo destruída pola extracción de Coltán, un mineral relativamente escaso e que está moi presente no noso día a día en: móbiles, tablets, ordenadores...

    Con esta iniciativa o alumnado de 6º pretende recoller o maior número posible de móbiles para reciclar e que non se teña que extraer tanto da selva. Polo que, os nenos e nenas de 6º precisan da vosa colaboración. Se tedes un móbil na casa, sen uso (dá igual que funcione ou non), quitádelle as tarxetas de memoria, traédeos ao cole e depositádeos na caixa que está colocada na entrada do centro (os cargadores NON).


    Coa vosa axuda conseguirán material educativo para os nenos e nenas do Congo, alimentos e menciñas para os chimpancés rescatados de Tchimpounga, sementes e árbores para as selvas africanas.

    Dende a biblio, Abadiño tamén se une a esta iniciativa que ademais ten relación, en certo modo, co reto número 8: "Lecer e benestar social: adiccións: uso responsable de tablets, ordenadores, coidado da vista..." do proxecto documentado integrado: "Hábitos saudables" que estamos a desenvolver.

    Se queredes coñecer máis aspectos sobre esta campaña o alumnado de 6º recoméndavos visitar a seguinte web: 

  https://wakelet.com/wake/TuWVCORBbvSMloOvyPnVJ

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!
GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN!!


jueves, 10 de febrero de 2022

23 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA

 Estimadas familias:

    O próximo día 23 de febreiro celebraremos o Día de Rosalía e, como cada ano, solicitamos a vosa colaboración para encher de pensamentos  un mural conmemorativo desta data colocado na entrada do cole. 


    Como a flor favorita de Rosalía de Castro eran os pensamentos, e
 teñen cinco pétalos, pintade e recortade pétalos para colocar arredor do rostro de Rosalía de Castro. En cada pétalo podedes escribir unha palabra dalgún dos seus poemas, ou algunha que vos guste especialmente. Os pensamentos que cada un de nós temos, tamén están cheos de cores.



    Animámosvos a que leades con atención o manifesto da AELG e asociedes palabras con cores e as mudedes a violeta, verde, azul... ou ben cambiedes a súa tipografía para resaltar aquelas ideas que sexan máis importantes para vós, ou pensedes que son as principais do texto. Na páxina da AELG poderedes atopar toda esta información:

    As nenas e os nenos que participen nesta actividade deberán entregar ao longo da próxima semana aos seus titores o traballo realizado, a fin de ter o mural preparado para o día 23. Un ano máis, animádevos a participar e moitas grazas pola vosa colaboración.

Saúdos,

Equipo de biblioteca


Aquí vos deixamos algunhas plantillas de flores que podedes empregar.




lunes, 31 de enero de 2022

30 JANVIER: JOUR DE LA PAIX

 O alumnado de 6º de Primaria, na clase de francés, sumáronse tamén a esta celebración facendo un mural: "Jour de la Paix" no que cada alumno e alumna debuxou unha man na que escribiron palabras relacionadas coa Paz en francés.

Para rematar esta esa xornada cantaron a canción "On écrit sur les murs" de Kids United.

Mirade que fermoso traballo!


30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ

 O 30 de xaneiro, un curso máis, celebramos o Día Escolar da Paz e Non Violencia. Nesta data conmemoramos o aniversario da morte de Mahatma Ghandhi que loitou polos dereitos da poboación india promovendo a non violencia.

Dende a biblioteca quixémonos sumar a esta conmemoración organizando unha exposición de libros relacionados coa celebración desta data.