miércoles, 21 de diciembre de 2016

FELICES FESTAS

Dende o equipo da biblioteca do CEIP Lamas de Abade queremos desexarvos unhas FELICES FESTAS  e un PRÓSPERO ANO 2017.

Vémonos á volta das vacacións!!!



CANCIÓN DO NADAL DOS PEQUES DE INFANTIL

Un ano máis os peques do cole queren desexarvos unhas felices festas e próspero ano novo cunha bonita canción acompañada da lingua de signos.
Nesta ocasión foi sacada do libro-cd "Pan de Millo" do grupo Migallas.


Non foi nada doado coordinalos pero a ilusión con que o fixeron e o graciosos que están compensa tódolos defectos.



lunes, 19 de diciembre de 2016

BOLETÍN RECOMENDACIÓN NADAL

Un curso máis, Abadiño non quere deixar pasar estas datas sen as recomendacións lectoras para facilitar a axuda aos Reis Magos e Papá Noel.

Esperamos que veñan cargadiños de boas e máxicas lecturas.

REVISTA O PAPAGAIO

Na nosa biblioteca, fixémoslle un oco aos exemplares da revista Papagaio á que estamos subscritos dende a súa primeira publicación no mes de outubro.
Revista baixo a dirección de Abraham Carreiro e publicada por Edicións Moito Conto.
Aquí vedes onde as temos colocadas, así que cando queirades xa sabedes onde están, tanto para levalas en préstamo como para ollalas durante o recreo.


jueves, 15 de diciembre de 2016

MARÍA FUMAÇA PRESENTA NOVO LIBRO-CD

Hoxe, xoves 15, tivemos o privilexio de presenciar na Biblioteca do Cole a presentación do novo traballo de MARÍA FUMAÇA que leva por título "Aire".
Uxía, Magín Blanco, Sergio Tannus e Santi Cribeiro, acompañados polo alumnado de 2º de Primaria nos deleitaron con cancións coma "Ven conmigo", "A horta de Balbina"   e o "Rocanrol" que tan ben prepararon os titores e o profe de música cos rapaces e rapazas.
Ao final remataron tod@s bailando, e os nen@s lles entregaron uns debuxos moi chulos feitos nas aulas para que llos fixeran chegar a Rui, o verdadeiro motor desta aventura musical chamada "María Fumaça".
Agradecerlle á editorial Galaxia que contaran co noso colexio para facer esta presentación.

Aquí tedes unhas imaxes e algún vídeo que recolle os marabillosos momentos vividos.







sábado, 3 de diciembre de 2016

PHOTOCALL "LAS BRUJAS"

Montamos un photocall do libro "Las brujas" para os que querían ter un recordo do seu paso polos recreos de Roald Dahl.

QUEN É QUEN?

1º CON MATILDA

Os nenos e nenas de 1º estiveron traballando co libro "Matilda" de Roald Dahl, recreando algunhas esceas da divertida película.
Así, nas seguintes fotografías, podedes ver a Matilda lendo na biblioteca, usando os seus poderes, na clase con súa encantadora mestra e o momento no que chega ilusionada á escola.
A ver se sodes quen de atopala!

ROALD DAHL NOS RECREOS DE LAMAS

Imaxes que mostran o resultado dos recreos desta semana adicados a Roald Dahl, cada día limos un pequeno fragmento dunha das súas obras acompañada do trailer da película baseada nesa novela.
Un éxito total!!

Abadiño Lamas de Slidely by Slidely Slideshow





jueves, 1 de diciembre de 2016

PREMIO NO III CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS

Hoxe acaba de sair publicado a resolución do III Concurso de Traballos por Proxectos das bibliotecas escolares de Galicia.
Estamos moi contentos con esta nova, un premio froito do traballo dun equipo, que non sería posible sen a colaboración e esforzo de toda a comunidade educativa.



Graciñas a tod@s por colaborar!!
Seguiremos con gañas e ilusión traballando pola nosa biblioteca e os nen@s do CEIP Lamas de Abade.

viernes, 25 de noviembre de 2016

ROALD DAHL NOS RECREOS

Non esquezades a cita á que vos convidou Abadiño na súa carta!
A vindeira semana na biblioteca, durante os recreos, para coñecer máis sobre a obra deste escritor.
Esperámosvossss!!!!!!!!




ARTUR E CLEMENTINA COS NENOS E NENAS DE 1º

Para traballar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, as aulas de 1º traballaron durante esta semana a coeducación e a igualdade a través do conto "Artur e Clementina" da Editorial Kalandraka.
Hoxe tiveron a oportunidade de escoitalo na biblioteca e contado ao mesmo tempo tamén na lingua de signos.



martes, 22 de noviembre de 2016

MANNEQUIN CHALLENGE DA BIBLIOTECA

A biblioteca do Lamas tamén acepta o desafío do Maniquí #mannequinchallenge e aproveitamos para ensinarvos, dun xeito distinto e orixinal, o funcionamento da nosa biblio. Os nosos "maniquís" foron o alumnado colaborador deste primeiro trimestre.

Esperamos que vos guste!!!!

ANIVERSARIO DE ROALD DAHL

O pasado 13 de septiembre, o famoso escritor Roald Dahl, cumpriría 100 anos.
Dende a biblioteca de Abadiño quixemos lembrar esta data facendo unha pequena exposición cos fondos dos que dispoñemos e publicitando entre o profesorado e o alumnado a súa obra para traballar na aula.


En breve chegará unha carta de Abadiño ás clases propoñendo algunha actividade para a vindeira semana.
Estade atentos para cando pete na porta!!!!

miércoles, 2 de noviembre de 2016

O SACAPENAS EN 1º B

O alumnado de 1ºB estivo traballando nas últimas semanas sobre o conto "Sacapenas" do escritor Anthony Brown e publicado pola Editorial Kalandraka.
Aquí tedes unha presentación onde queda reflexado todo o que fixeron.


QUE É PARA TI A NOSA BIBLIOTECA?

Aproveitando que o 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas escolares, Adabiño pediulles aos nenos e nenas do cole que pensaran o que significaba para eles a nosa biblioteca.
Aquí tedes uns vídeos, un de Infantil e outro de Primaria, onde cada aula quixo expresar as súas ideas e sentimentos.




miércoles, 26 de octubre de 2016

TALLER DE COCIÑA MONSTRUOSA EN INFANTIL

Hoxe os peques de Infantil fixeron un taller de cociña con receitas monstruosas. Mesturamos aos de 3, 4 e 5 anos e en dúas quendas fixemos sinxelas receitas monstruosas que logo degustaron sen medo ningún.


Taller cociña Monstruosa by Slidely Slideshow

lunes, 24 de octubre de 2016

CONTOS DE MEDO

Un curso máis, hoxe durante a Hora de Ler fixemos noso clásico obradoiro de lecturas entre os distintos niveis.

Aproveitando a semana do SAMAÍN Os mestres escolleron unha lectura de medo, que a publicitaron cun cartel na porta da aula e na que os nenos e nenas íanse anotando segundo as súas preferencias.

Aquí redes unha pequena montaxe dos momentos.

b by Slidely Slideshow

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Hoxe, 24 de outubro, celebramos en tódolos centros escolares o Día das Bibliotecas.
Dende esta ventaniña queremos desexarvos a todos e todas un feliz día, sen esquecer que a nosa mascota Abadiño e o seu equipo estamos aí para o que precisedes.

Acompañamos esta entrada coa imaxe do cartel conmemorativo deste ano e un pequeno e fermosísimo texto da escritora Ledicia Costas, no que fala das bibliotecas e da labor dos que nela traballan.



“Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca.
Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos.
Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:

—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?
Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!”

Ledicia Costas

O ZAPATEIRO E O RAPOSO

A semana pasada tivemos a visita da ex-profe de Música, María José Gulín. Presentou para os peques de 1º,2º, 3º e 4º, o seu último libro "O zapateiro e o raposo" da editorial Bolanda.
Veu acompañada da ilustradora Antía Barba, que fixo as delicias dos nenos e nenas mostrando en directo como elabora as fermosas ilustracións do conto.


martes, 18 de octubre de 2016

FORMACIÓN DE USUARIOS

Novo curso que comez e novos mestres e alumnado que chegan ao centro.
Dende a biblioteca facemos unhas sesións de formación de usuarios para que os novos coñezan o funcionamento da nosa biblioteca e ao mesmo tempo lembrarlle cousas aos que xa estaban no cole.

domingo, 2 de octubre de 2016

NOVO CURSO ESCOLAR

Agora si que si, a biblioteca de Abadiño logo de un mes de setembro de obras co cambio de ventás e pintura, abre as súas portas o luns 3 de outubro.
Esperamos ver as vosas caras de novo e gozar xuntos dun novo curso escolar cheo de lecturas e mundos máxicos por descubrir.